Buscar neste blog

25 de maio de 2009

Fraseoloxía carcamana



[Redacción. 25/05/09 ] "Fraseoloxía carcamana" naceu co obxectivo de compilar e explicar as expresións típicas carcamanas, unha morea de frases de uso coloquial, difíciles de entender para as persoas alleas á Arousa.

-Andar ao chuchuchú: participar en pequenas reunións regulares ou improvisadas onde se propagan e difunden  rumores ou pequenas conspiracións. Exemplo de uso:  "non te fíes de fulaniña que anda moito ao chuchuchú".

-Aparta laxe que te fendo!: expresión para indicarlle a alguén que ten moita fachenda ou que esaxera as súas capacidades. Obviamente, unha laxe non é tan fácil de fender.


-A xogar a Testos: expresión usada para dicirlle a alguén que deixe de molestar e marche. Fai referencia ao lugar ao que tradicionalmente ían os rapaces a xogar ao fútbol.



-Andar ao burato: arte de marisqueo que consiste en andar ás ameixas localizándoas polos buratos que deixan na area e retirándoas unha a unha coa axuda dun sachiño pequeno, tamén chamado "meca".

-Andar(lle) á ronza: facerlle as beiras, a un home ou unha muller.

-Andar ou estar coma os bois na motora: estar apretado ou andar a tombos. Expresión que fai referencia á embarcación que trasladaba os animais e as persoas da Arousa a Vilanova, antes da existencia da ponte.

-Arriar cabo: expresión mariñeira co significado de abandonar, desistir, fuxir, flexibilizar unha postura.

-Botar a achar: dise cando alguén improvisa unha resposta
Exemplo: Non sabía a pregunta do exame pero botinlle a achar e acertín

-Botar a treita: practicar unha arte de pesca para a captura de polbos.

-Calma podre: expresión mariñeira que indica que non hai vento no mar.

-Cara de seirón: expresión para dicir que unha persoa pón mala cara cando lle falas. O seirón é unha cesta de esparto.

-Coller media area: emborracharse. Esta expresión tamén se usa noutros lugares da costa galega.

-Coma a area: expresión que indica que algo é moi abundante.

-Coma o porco/coma unha porca: expresión que indica que algo é grande ou moi voluminoso.

-Chover a esmadrazar: chover abundantemente.

-Dar(lle) a escocho: traballar moito, "a maso", xeralmente, con bo resultado. Tamén se usa coa palabra "pexegheiro". Por exemplo, cando as sequeiras fan boa marea, din: "hoxe démoslle a escocho pexegheiro".

-Dar(lle) ao medio: atropelar, dise cando un vehículo, por terra, mar ou aire, bate contra algo ou alguén.

-De lais a lais: de lado a lado. Tamén se di "de les a les".

-Estar apaxarado: estar pampo, despistado.

-Estar/andar aboiado: andar sen rumbo, non saber a onde ir, ir onde te leva a corrente, coma as boias no mar.

-Estar na auga/auguiña dos ovos: estar encantado, a gusto.

-Estar cativo coma unha arola: estar moi fraco.

-Estar coma a pilla: dise cando un alimento está moi salgado. En portugués existe a expresión "pilha de sal" co mesmo significado. Literalmente, "pilha" é unha morea de cousas apilladas e probablemente recibían este nome as salinas que se explotaron na Arousa durante a Idade Media. Ex de uso: Esta empanada está salgada coma a pilla. Ou: Esta empanada ten a pilla.

-Estar como unha nasa: estar tolo, "mal da cabesa"; dise de alguén que perdeu o xuízo.

-Estar/quedar na ponla: dise cando alguén actúa de forma despistada ou está pampo, coa cabeza noutras cousas.

-Estar no aro: estar moi fraco.

-Facer a flor: Preparar o lote para a venda, fundamentalmente de marisco, para que os exemplares máis prezados queden á vista e ocultar aquelas pezas menos valiosas, xeralmente as máis pequenas. Florear.

-Facer a ghatada: latar, faltar á escola

-Facer [a alguén] a acordante: lembrarlle a alguén unha cousa pendente, darlle aviso. Ex. Teño que pasar pola oficina antes das doce, faime a acordante que se non esquézome.

-Facer boa marea: literalmente significa pescar ben, e por extensión dise cando algo sae ben.
Por exemplo,vas apañar patacas e colles moitas, "fixestes boa marea".

-Facer dous peixes: separar o marisco para a venda en dúas calidades, segundo o seu tamaño. En vez de presentar o lote de ameixas tal e como se apañou, preparáse, por exemplo, medio quilo de grandes e outro quilo e medio de medianas para optimizar as gañancias.

-Facer trompos: expresión co significado de matar o tempo con calquera actividade ou entretemento menor. Tamén se di: "O que se aburre fai trompos".

-Facer unha pisallada: facer un cristafallo. Denomínase pisallada ao resultado de esmagar amoras, miolo de pan e azucre, unha merendola, xeralmente de nenos, propia do verán.

-Fóra lixos: expresión para botar ou apartar a alguén cando molesta ou está atravesado.

-Ir a corpo: andar sen abrigo, sen chaqueta
Ex. Vas ir así a corpo co frío que fai?

-Ir coma un salabardo: estar borracho, levar unha chispa impresionante (o salabardo é un aparello de pesca).

-Ir a fóra: expresión carcamana por excelencia para dicir que un vai de viaxe ou que sae da illa. Ex. de uso: naa Arousa case non hai tendas de roupa, sempre teño que ir a fóra a mercar

-Ir mangado: levar présa. A diferenza de  "levar o lume", que é présa para fuxir, neste caso é para facer algo enfrontándose á situación.

-Levar o lume: ir á presa, fuxir a toda velocidade

-Levou a santa el so para a casa: dise cando unha persoa colle unha "area" memorable.

-Levar/dar unha chaquetilla: levar unha tunda, unhas boas labazadas.
Ex. Onte á noite déronme unha chaquetilla e levín o lume para a casa.

-Levar un escorazo: recibir unha agresión cun dos puntais de suxeición que se pón na dorna cando a marea está toda seca. A frase úsase xeralmente como ameaza: "vas levar un escoraso".

-Levar/atrapar/apañar unha chosca: expresión referida ao xogo, utilizada cando a diferencia no marcador dun equipo ou xogador é abusiva con respeco ao outro contrincante. Úsase en varios lugares de Galicia.

-Meter a lancha a bordo: expresión mariñeira para dicir que a un lle están tomando o pelo ou contándolle unha trola. Ex: estache a meter a lancha a bordo, non lle fagas caso.

-Non caber na cuncha: xeralmente, úsase para dicir que alguén está moi satisfeito, que ten fachenda. Expresión mariñeira que fai referencia ao marisco cando está gordo.

-Non caber no cacho: expresión para referírmonos ao marisco cando está gordo, tamén se pode aplicar ás persoas co mesmo significado de "Non cabe na cuncha".

-Non me líes o palangre: expresión mariñeira co significado de "non me enlíes, non me confundas".

-Non pesca por malla:  expresión mariñeira para indicar que a execución dunha cousa ou tarefa non ten por que ser exacta ou fiel.

-Non ver a boia: Falta de pericia ou habilidade que se presupón ou espera. A expresión fai referencia ao mar.

-Nunha flor: Momento de gracia, rapidez. Exemplo: Collín a tasa de ameixas nunha flor.

-Os de fóra fan pitillos: expresión tabernaria que se aplica no xogo das cartas, para dicirlle a alguén que non participa na partida que deixe de meterse no xogo e dar instrucións. O de facer pitillos fai referencia ao  tabaco de liar, os que miran fan os cigarros dos que están a xogar.

-Pan de Cambados: expresión para referirse en sorna ao peito das mulleres cando é voluminoso.

-Quedar dun barreno: quedar sorprendido

-Sábeo cameán: expresión que indica que algo que se dá por sabido.

-Saltou un peixe: expresión de sorpresa para saudar a alguén, cando hai tempo que non o ves.

-Rapáz de abordo: expresión mariñeira que se usa en frases do tipo "a ver se pensas que son o rapás de abordo", cando a un lle fan realizar recados e traballos menores. Fai referencia aos aprendices que comezan a ir ao mar.

-Ser da punta da ponla: ser de calidade ou tamaño excepcional, escollido, do melloriño.Ex. de uso: "levaba uns camaróns da punta da ponla".

-Ser un paparolo: ser un papanciño, un inxenuo. Aplícase xeralmente aos nenos pequenos.

-Ser un Rei Pedro: ser un papán, un papahostias.

-Ser unha nécora: ser unha lercha, unha lagarta.

-Ser un chinglán: ser un "tantometén", un "gilipollas". Expresión usada na ría. Exemplo de uso na Arousa: Vai haber máis hostias que na voda de chinglán. Exemplo de uso en Rianxo: Pareses un chinglán da Arousa.

-Ter as luces nos ollos: expresión para referirse a alguén cando está famélico.

-Ter/levar unha carena: ter unha chispa, unha boa bebedela. A orixe da expresión ha de estar relacionada ou coa carena que se lle bota ás embarcacións ou co carenado dos veículos de terra.

-Ter moita escorrendela: ter habilidade para escapar dun perigo sen dano. Ex. de uso: "a fulaniño non o dan pillado nunca, ten moita escorrendela". A expresión provén do vocabulario propio do xogo dos trompos. Os participantes tiraban os trompos dentro dun círculo trazado na terra, chamado "rondel". Cando  o trompo perdía verticalidade, desprazábase en horizontal grazas a "escorrendela". Os trompos que non tiñan escorrendela suficiente ou batían nalgún obstáculo, quedaban no medio do rondel,  expostos a levar "chochas" (impacto coa punta) e "masocasos" (impacto co corpo), ata que nun dos lances saía do rondel, e o xogador xa podía volver a tirar.

-Ter un cabalo: dise cando un ten unha contractura no pescozo, que lle impide xirar a cabeza.

-Todo a un correr: expresión con orixe mariñeira que indica que un espazo está despexado de atrancos. As dornas tradicionais están dotadas de bancos ou cadeiras, unhas táboas dispostas na parte interna da embarcación de banda a banda. Cando non tiñan estes elementos, dicíase: Teño a dorna todo a un correr.

-Tomástesme o folio cambiado: expresión mariñeira de advertencia, que indica que a un non o valoraron de forma axeitada. Significa "coidadiño, non te confundas comigo".

-Traballa coa túa firma: expresión mariñeira de uso tabernario, con especial incidencia entre os naseiros, para solicitarlle a alguén que fale pola súa conta e non diga as palabras e pensamentos de outro.

-Vírame la mano [sic]: expresión que se usa como adverbio de tempo, para indicar que unha cousa se executa con rapidez ou dura pouco tempo (o que se tarda en virar a man). A frase tamén se utiliza abreviada, en expresións do tipo "nun vira". Exemplo de uso: Non te preocupes, que isto fágocho eu nun vírame la mano.

-Volta á bola, que é de millo toda: expresión de orixe labrega e caída en desuso -é do tempo no que se facía o pan na casa- para  indicar que alguén está a repetir insistentemente a mesma cousa.

-Vouche botar un polbo de nove raxos: xogo de verbas entre 'polbo' (en galego,  cefalópodo) e 'polvo' (en castelán, coito), que anuncia unha actividade sexual masculina memorable, tendo en conta que o polbo ten só oito raxos.

35 comentarios:

  1. NELO
    -Chaquetilla:dise cando levas unhas labazadas, unha paliza...
    (deronme unha chaquetilla)
    -Fora lixos:dise cando alguien che esta estorbando ou atrbesado.

    ResponderEliminar
  2. Non me líes o palanghre: Non me enlíes, non me enrolles, non me confundas

    ResponderEliminar
  3. "cara de sairón" para referirse ao poñer mala cara cando falan con un.

    ResponderEliminar
  4. Unha ben bonita e divertida que, polo que sei, dicíase hai uns anos en moitas vilas da Ría de Arousa (A Illa, Rianxo, Vilaxoán, Carril e Aguiño polo menos) era a de"pareses un Pink Floyd (ler pin floi)", que se dirixía a aqueles que ían vestidos de maneira rara, ou mal vestidos ou con roupa moi cantosa.

    ResponderEliminar
  5. Fas "majas": que se che da moi ben ou moi mal facer algo (depende do tono)

    ResponderEliminar
  6. -Ser un "pin floi" tamén se di fóra de Galicia, polo visto foi unha expresión de uso bastante xeralizado nos oitenta. hehe...
    -Sobre a expresión "Cara de sairón", algunha idea sobre a orixe?

    ResponderEliminar
  7. "estar no aro" que ten o mesmo signifcado que "estar cativo como unha arola"

    ResponderEliminar
  8. "facer magas" aparece no dicionario da Real Academia Galega como: "Facer [unha cousa] moi ben, ter moito éxito. Fai magas en canto baile hai."

    ResponderEliminar
  9. "andar ou estar coma os bois na motora": estar apretado ou andar a tombos

    ResponderEliminar
  10. fanequinha peteiruda20/06/09, 13:17

    Quedar flechado: quedar alusinado

    ResponderEliminar
  11. Cidadan_8613/07/09, 19:46

    falta a mitica "chove a esmadrasar" cando chove moito

    ResponderEliminar
  12. Última entrada fraseoloxía: facer a acordante

    ResponderEliminar
  13. faser boa marea:literalmente e pescar ben e por extensiòn,dise cando algo che sale ben.Por exemplo,vas apañar patacas e colles moitas,fixestes boa marea

    ResponderEliminar
  14. Fraseoloxía. Expresións pendentes de contrastar e anotar: mal cabido e mal guiado, como adxectivos aplicados ás persoas.

    ResponderEliminar
  15. -colebra
    -jrande como unha porca
    -cheo como unha porca
    -.....etc como unha porca

    ResponderEliminar
  16. ¿¿¿¿??????...quen sabe¿?

    ResponderEliminar
  17. saltou un peixe; cando nos vés a alguén dende hai tempo

    ResponderEliminar
  18. doulle ó medio: expresion dita debido a un atropelo por un vehiculo xa sexa por terra, mar ou aire.

    atrapar unha chosca: dise de cando a diferencia no marcador dun partido ou calquer competición e abusivo con respeco o outro contrincante.

    ir coma un salabardo:fogon de alcohol impresionante.

    levar un trallaso: chupar unha ostia de carallo.(tralla o extremo mais finiiiiiiiiiño dun cabo)

    vas levar un escoraso: ameaza de agresión cunha das das suxecions que se lle poñen as dornas cando esta toda seca.

    papabas tantas coma o liño: depende da entonacion,ten a sua interpretacion

    estar a merdear: chuvia finiña tamen coñecida como calabobos

    ResponderEliminar
  19. E xojando desde testos08/10/09, 23:30

    E que lo?
    Outro lo?

    ResponderEliminar
  20. Expresións: xa están actualizadas as últimas expresións propostas. "Merdear" en vez de figurar no apartado de "Fraseoloxía", está incluída no "Dicionario de Ausencias".
    -"Papar tantas coma o liño" foi descartada, porque é unha expresión de uso xeral en Galicia.

    ResponderEliminar
  21. poñede tamen a escocho pexejeiro,unha das miñas favoritas

    ResponderEliminar
  22. Para o comentario 21: xa está engadida a túa expresión favorita, desculpa por tardar tanto. Se cres que non está ben explicada, corríxeme.

    ResponderEliminar
  23. Creo que falta: andar as trolichas
    que era cando quedabas sen bolas e lle pedias a outro que chas prestara. aljo asi como quedar endeudado

    ResponderEliminar
  24. "Vouche votar un polbo de nove raxos"

    Xogo de verbas entre: polbo y polvo.

    ResponderEliminar
  25. Acabo de fixarme que falta "ir mangado" que significa levar presa. Pero, ao contrario de "levar o lume" que é presa para fuxir, neste caso é para facer algo enfrontándose á situación.

    ResponderEliminar
  26. Juan, xa está incorporada a nova expresión. Boa achega, grazas! Tamén engadín outra que lin estes días nos comentarios e que me fai moita gracia, "Estar como unha nasa".
    Por certo, a frase do comentario 19 non foi incorporada porque esa analoxía polbo-polvo penso que é recente e que carece de tradición na fala carcamana. Pero aí queda pendente de discusión. Se alguén pensa que debería figurar na lista, non ten máis que argumentalo.

    ResponderEliminar
  27. dimetiamin27/05/11, 19:39

    Algunha posible candidata,ainda que non sei si son exclusivamente de tradición carcamana:

    -Ser da punta da ponla: de calidade ou tamaño excepcional, escollidos, do melloriño. "levaba uns camaróns da punta da ponla".

    -Andar ó chuchuchu: participar en peqenas reunións regulares ou improvisadas onde se propagan ou enteran de rumores ou pequenas conspiracións. "non te fíes de fulaniña que anda moito ó chuchuchu".

    -Ter moita escorrendela: ter habilidade para escapar dun perigo sin dano. "a fulaniño non o dan pillado nunca, ten moita escorrendela".

    Ven do xogo dos trompos onde se facía un círculo na terra que se chamaba "rondel" si mal non recordo, os participantes tiraban os trompos dentro do rondel, cando perde verticalidade o trompo desplazábase en horizontal gracias a "escorrendela". Os que non tiñan escorrendela suficiente ou batían nalgún obstáculo "quedaban no medio" do rondel expostos a levar "chochas" (impacto coa punta) e "masocasos" (impacto co corpo) ata que nun destes lances saía do rondel, e xa podía volver a tirar. A veces os usuarios máis expertos conseguían facer unha chocha coa potencia suficiente para partir o trompo en dous e entón dicíase "doulle ó medio".

    ResponderEliminar
  28. Xa está incorporada a última remesa de frases. O vocabulario relacionado co xogo dos trompos poñereino en "Dicionario de ausencias". Grazas!

    ResponderEliminar
  29. faltavos a frasa eso non e de coviso,que quere decir que non e interesante

    ResponderEliminar
  30. Gostame moitísimo "Estar como unha nasa", nunca o escoitara antes.

    A frase do comentario 24 da analoxía polbo-polvo pode ser recente, dependendo do que se entenda como tal. Eu a primeira vez que a escoitín fora polos anos setenta, non sei si se decía de antes ou non. Tí saberás si eso pode ser considerado como tradición na fala carcamana. Tampouco o escoitin fora da Arousa.

    A do numero 29: Eu teño escoitado "ter un cobiso" para as mulleres preñadas que é "ter un antoxo".

    ResponderEliminar
  31. Propoño duas expresions que non atopo na Fraseoloxía carcamana

    1.- "estar ou andar aboiado": ir sen rumbo, non saber ónde ir, ir onde te leva a corrente, coma as boias no mar.

    2.- "touciño de Rianxo": cando algo non é ou non está bó, é coma o touciño de Rianxo.

    ResponderEliminar
  32. Teño outra proposta, ainda que é un pouco obscena é unha frase real que teño escoitado na illa.
    "Non é cona de monxa" - Significa que se esta a falar de algo para o que non fai falta esmerarse moito, algo que non é delicado. Por exemplo: Haber home, acaba dunha ves de faser eso, que non é cona de monxa.

    ResponderEliminar
  33. Poñer a pingar (a alguén): Falar mal dunha persoa.

    Traballa como un enfermo e come como un san: Cando se está poñendo a pingar a un palanquín.

    ResponderEliminar
  34. Sobre a palabra "cobiso" que dicides (expresións "ter un cobiso" ou "non ser de cobiso"), a escrita correcta sería "cobizo". No dicionario de galego non vén recollida esta palabra, pero si unha moi similar, "cobiza", co mesmo significado: sentir un desexo moi forte de ter algunha cousa. A expresión non é, polo tanto, ningunha novidade, aínda que podemos engadir a palabra masculina ao "Dicionario de ausencias".

    E con respecto ao polbo de nove raxos... se xa se dicía nos setenta, darémoloa por válida. Xa está engadida.

    ResponderEliminar
  35. Acabo de engadir á fraseoloxía a expresión "andar/estar aboiado". Queda pendente de incorporar "touciño de Rianxo". Alquén sabe por que se usa para dicir que algo non é bo? Cal é a orixe?

    ResponderEliminar

A responsabilidade dos comentarios é unicamente de quen os escribe. A administración do blog eliminará os comentarios que estime conveniente.