Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta mar. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta mar. Amosar todas as publicacións

29 de xuño de 2011

Sardiñas, do racú ou do xeito?

O barco de Chiquita, o único da Arousa dedicado ao racú

As sardiñas do xeito son máis caras que as do racú

[Redacción] Hai quen as quere do xeito e hai quen as prefire do racú. Nisto das sardiñas, como en todas as cousas, é cuestión de gustos. Na Arousa hai un único barco, o dos irmáns Chiquita, dedicado á pesca da sardiña con racú. Neste caso, as capturas fanse en mar aberto, con rede de cerco e en grandes cantidades, polo que é habitual que algunhas pezas acaben mazadas, ao golpearse contra os aparellos ou ao ser apiladas nas caixas. As sardiñas do xeito, pola contra, péscanse máis polo miudo, en pequenos barcos que faenan dentro da ría e con redes de menor tamaño. Aproximadamente, dedícanse a esta arte unhas dez embarcacións da illa. Din os xeiteiros que o seu peixe recibe un mellor trato e así queda reflectido no prezo: a cinco ou seis euros o quilo, mentres que a sardiña do racú vai a tres euros. Pero o prezo e a técnica de pesca non son os únicos factores a ter en conta á hora de elixir... tamén hai quen opina que a sardiña do racú, ao proceder de augas abertas, ten máis graxa que a do xeito e, polo tanto, sabe mellor. Cuestión de gustos.

14 de xuño de 2011

A organización dos Encontros de Carril propón unha edición de 'resistencia'

 O cartel dos X Encontros Carril 2011


[Redacción] Do 30 de xuño ao 3 de xullo, vai ter lugar en Carril a décima edición dos Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galicia, a cita bienal de referencia para os colectivos de navegación tradicional. A poucas semanas da celebración, o comité organizador vén de alertar da “grave situación económica” que atravesa, dadas as escasas achegas económicas das empresas patrocinadoras e das administracións. En concreto, a organización destacou a nula colaboración da Deputación de Pontevedra, cando nos Encontros anteriores de Ferrol (2007) e de Muros (2009), a deputación coruñesa destinou aos eventos 60.000 euros. Así as cousas, segundo a Federación Galega pola Cultura Marítima, esta será unha edición de “resistencia”, na que variarán algunhas cousas pero non o esencial: a xuntanza dos barcos e dos seus tripulantes. Certamente, as cifras de participación ata o momento son similares ás doutros anos, xa que está confirmada a asistencia de máis dun centenar de embarcacións procedentes de Galicia, Euskadi, Andalucía, Cataluña e Portugal. Ademais, como é habitual, o evento tamén contará con demostracións de oficios, obradoiros, música, exposicións, xornadas técnicas e mais un servizo de visitas á illa de Cortegada.

18 de abr. de 2011

As antigas reivindicacións mariñeiras, no libro de Dionisio Pereira

Dionísio Pereira, no centro, durante a presentación en Pontevedra

[Susi Rial] O pasado venres, 8 de abril, foi presentado o novo libro de Dionisio Pereira, “Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939)", Ed. Xerais, na librería Michelena de Pontevedra. Foron 20 anos de investigación por parte do autor, que recolleu documentación, traballos previos e conversas cunha serie de entrevistados. Cun claro compromiso coa memoria histórica, neste libro podemos atopar como foi durante o mencionado período a loita de clases, o asociacionismo e a loita da muller mariñeira polos seus dereitos, así como unha relación dos aparellos de pesca e de como estes foron evolucionando. A falta de documentación impide que no libro haxa referencias directas á Illa de Arousa. Caso totalmente contrario é o do Grove, do que se expón moita información no libro. De tódolos xeitos, estamos ante un traballo que recolle precedentes do carácter loitador mariñeiro; unha cuestión que facilmente pode axudar a explicar a personalidade arousá dos nosos días.

12 de abr. de 2011

Os fondos mariños da Illa, nunha exposición


[Susi Rial] Baixo o título de “Os fondos mariños da Illa de Arousa”, expóñense no auditorio imaxes da flora e da fauna da Illa máis descoñecidas. As fotografías foron realizadas por Ramón e Rodrigo Lojo, pai e fillo afeccionados ó mergullo, que queren compartir deste xeito as imaxes que tomaron do fermoso mundo submarino do mar arousán. Primeiros planos de criaturas acuáticas, peixes de vivas cores, cabaliños de mar e raras especies vexetais son só algúns exemplos do que se pode contemplar na exposición, que ademais constata a elevada calidade ecolóxica das profundas augas da Illa. A exposición permanecerá aberta ata a finalización do curso escolar, de luns a venres, de 10:30 a 14:00, e de 16:30 a 19:30 horas; e os domingos e festivos, de 11:00 a 14:00.

26 de mar. de 2011

A lúa máis grande ilumina a Illa

[Susi Rial] O pasado sábado 19 de marzo, os arousáns puidemos gozar das fermosas vistas que nos proporcionou a lúa. Unha lúa cargada tanto de fermosura coma de misterio, xa que foron moitos os que relacionaron a presencia desta enorme lúa coa chegada de grandes catástrofes sísmicas, como a ocorrida no Xapón recentemente. Nada máis lonxe da realidade, posto que a súa existencia débese a que o momento de maior aproximación coa Terra coincidiu en lúa chea. O que si que dou lugar foi a unhas grandes mareas vivas, que proporcionaron a seca máis grande en 18 anos e que foi moi ben aproveitada polos mariscadores.

14 de mar. de 2011

Unha mirada ao conflito de Odosa, vinte anos despois


[Redacción] O vindeiro 18 de marzo preséntase na Coruña o documental “Rexistro de Traballo. Doli, doli, doli, coas conserveiras”, unha longametraxe dirixida por Uqui Permui, que aborda o conflito da fábrica de Odosa. En 1989, unhas setenta mulleres da Arousa, catro delas en folga de fame, pecháronse na fábrica para protestar polas condicións de traballo e o peche inminente da conserveira. As reivindicacións das traballadoras quedaron rexistradas nun vídeo gravado por un sindicato do Salnés, material que lle serviu á creadora Uqui Permui parar narrar de novo a historia, contada polas mesmas protagonistas, vinte anos despois. Segundo explica Permui, o título do documental está inspirado nun dos lemas que coreaban as traballadoras, quen, por falta de entendemento ou pola vontade de adaptar as consignas laborais a unha linguaxe divertida, dicían “doli, doli”, en vez de "solidariedade". “Eran mulleres que nunca antes se manifestaran nin tiñan experiencia en prácticas políticas”, explica a creadora. A estrea do documental é na casa museo Pardo Bazán da Real Academia Galega, na Coruña, ás seis da tarde. Está previsto que a obra se proxecte máis adiante noutros lugares, entre eles, a Illa de Arousa.

1 de mar. de 2011

O Consello do Mexillón presenta unha querela contra unha conserveira por fraude na etiquetaxe

 Descarga de mexillón no porto do Chufre

[Redacción] Que algunhas conserveiras están a vender mexillón chileno baixo a etiqueta de galego é unha sospeita que aniña hai tempo no sector produtivo. Pero agora será a Xustiza quen determine definitivamente a magnitude da fraude. O Consello Regulador do Mexillón de Galicia anunciou esta mañá nunha rolda de prensa que vén de interpoñer unha querela criminal contra Conservera de Rianxo, comercializadora da marca Cortizo, por falsear na etiquetaxe a procedencia do mexillón. Para reunir as probas, o Consello mercou de xeito aleatorio nun supermercado, e perante a presenza dun notario, varias latas da mencionada empresa, nas que constaba a indicación “Mejillones de las Rías Gallegas” e se precisaba, ademais, que “los mejillones (mytilus galloprovincialis) proceden de la campaña 2008”. Tras analizar o contido no seu departamento de I+D+i e contrastar logo os datos co grupo de investigación Xenomar, o Consello asegura que 27 das 34 pezas estudadas non correspondían á especie autóctona de Galicia. Nunha acción sen precedentes ata o de agora, o Consello denunciou os feitos no Xulgado de 1ª Instancia e Instrucción nº1 de Padrón, que admitiu a trámite a querela por supostos delictos contra  os dereitos da propiedade industrial e dos consumidores. A conserveira implicada foi chamada a declarar o vindeiro 31 de marzo.

16 de feb. de 2011

O galeón 'Presioso' prepárase para navegar no verán

O  "Presioso" foi construído en 1944. Imaxe tomada de Calmoseira

[Redacción] A asociación Calmoseira xa está na fase final de restauración do galeón “Adelino Manuel”, tamén chamado “Presioso”, pola elegancia das súas formas. Queda completar a parte mecánica, e logo mercar a vela. Calmoseira prevé presentar o galeón durante a próxima edición dos X Encontros de Embarcacións Tradicionais, que este ano se celebrarán en Carril, do 30 de xuño ao 3 xullo. Polas mesmas datas, tamén agardan saír dos estaleiros os outros dous galeóns que están a ser recuperados por colectivos da Arousa, o Rei do Mar e o Komaira.

25 de xan. de 2011

As mariscadoras financian a semente cunha cota mensual

Baldes nunha xornada de seca

[Redacción] Tal e como revela a entrevista co patrón maior, o descenso das capturas é un dos principais desafíos aos que deben enfrontarse os mariscadores na actualidade. Na práctica, este problema tradúcese na necesidade de mercar a cría da ameixa e de sementala nas praias. A gravidade da situación empuxou ás mariscadoras, un colectivo que na Arousa agrupa unhas 300 mulleres, a abonar unha cota mensual de 10 euros para financiar a compra da semente. O fondo común creouse o pasado mes de xuño e supón un novo esforzo por parte das sequeiras para continuar vivindo do seu oficio. Nas seguintes ligazóns, poden consultar algunhas das iniciativas que emprenderon:

-A revolución das sequeiras (2007)
-A condena de vixiar as praias (2009)
-O mantemento do Chufre (2010)

24 de xan. de 2011

'O meu obxectivo é poñer en marcha a hatchery'

Ángel Iglesias considera prioritario rexenerar os bancos marisqueiros

[Redacción] O patrón maior da Confraría da Illa de Arousa, Ángel Iglesias García, fixou como obxectivo do seu mandato botar a andar o criadeiro de ameixas de Quilma, coñecido como a “hatchery”. As instalacións, abandonadas dende hai máis dun lustro, nunca chegaron a ser produtivas e hoxe esixen dun forte investimento para recuperar a actividade. Os cartos non semellan, porén, o principal problema, xa que segundo explica Iglesias, a Confraría conta cunha subvención para actualizar tecnoloxicamente o centro. Deste e outros temas fala o patrón maior nesta entrevista exclusiva.

17 de xan. de 2011

A malleira do polbo

A mazar un polbo de sete quilos, no peirao da Abilleira

[Redacción] Que un polbo reciba unha malleira nada máis ser pescado non é cousa de asombro, o raro sería ver un polbo mazando un home. Non queira o Demo que o intelixente octopus se rebele un día e bata as cachas dos homínidos contra os cons e peiraos da Arousa! De consumarse a sedición cefalópoda, poden estar seguros de que a malleira non obedecería a outro propósito que a vinganza por tantos agravios históricos, pois nada se sabe de que a carne de home vire correúda no prato. Masar por masar. A única tranquilidade que nos queda é a superioridade física, aínda que non quixera un servidor caír nos tentáculos do inmenso polbo que ven na imaxe.

13 de dec. de 2010

A formación dos mariñeiros de baixura

Mariñeiros facendo cola na lonxa

[Redacción] Os mariñeiros da Arousa levan anos atrapados nun bucle de cursos, que os obriga a volver ás aulas de tanto en tanto para seguir exercendo a súa profesión. O antigo título de “competencia mariñeira” foi substituído polo “carné de mariñeiro-pescador”, pero a maioría dos profesionais puideron convalidar a titulación e eludir así a repetición do curso. Non se libraron, con todo, doutras novas materias obrigatorias, como os cursos de “formación básica”, “operario de radio” ou “sanitario”, por exemplo. A formación continua dos traballadores é unha meta desexable e esixible, aínda que a moitos adultos lles custe prestar atención a un encerado que deixaron de ver a unha idade moi nova. O que non ten sentido é que os contidos da aprendizaxe estean desconectados da realidade, e que se traten temas como o abandono de buque e o comportamento en caso de incendio en barcos de gran tonelaxe, cando estamos ante unha flota de baixura que desenvolve o seu traballo en gamelas e planeadoras, a quince minutos de terra.

24 de nov. de 2010

O mantemento do Chufre


[Susi Rial] O Chufre é o centro neurálxico da vida pesqueira da Illa, así como o lugar máis visitado polos turistas nos meses de verán. Aínda con iso, e unha vez máis, a iniciativa de limpar os seus fondos tivo que chegar dende o colectivo das mariscadoras. Grazas á súa boa organización e ó seu compromiso firme por coidar, manter, vixiar e limpar as praias, as mariscadoras aproveitaron as grandes secas para a limpeza do Chufre, mediante quendas de grupos de mulleres nas fins de semana. Entre o lixo retirado, había moito expulsado polo propio mar durante os temporais, por iso non deixaba de sorprender o número de pneumáticos aparecidos procedentes dos barcos, así como cordas, taboleiros de tódolos tamaños e todo tipo de botes e fragmentos de diferentes materiais. No contorno do Chufre e do Naval sempre se foi á seca. Agora, mediante esta limpeza, espérase que aumente a produción marisqueira nestas zonas. A pesar da cantidade de lixo retirado, presúmese que non se chegou nin á metade do que aínda fica nos fondos. Trátase dunha labor infinita, porque cada vez que se produza un temporal será necesario volver a limpar. E é que o mar coñece moi ben o que non precisa.

4 de out. de 2010

Gaivotas

 O botín da gaivota
A limpar o peixe, en compaña

[Redacción] Algúns mariñeiros din delas “que lles das de comer e che cagan enriba”, unha frase que non deixa en moi bo lugar ás gaivotas. Pero gusten ou non, haille que recoñecer a súa habilidade para obter alimento, mesmo botando man de sofisticadas técnicas. As gaivotas son capaces de coller ameixas e mexillóns co peteiro, para logo deixalos caír desde o alto, co obxectivo de que as cunchas escachen contra o chan. Saben abrir ameixas, e tamén saben que a unha limpeza de peixe sucédelle un festival de maghas fáciles.

26 de xul. de 2010

Os da 'Galega' van ao raño

 Un reporteiro do programa Na túa pel acompañou a un mariñeiro arousán ao raño para facer unha reportaxe sobre o marisqueo a flote. Despois dunha xornada de traballo, o reporteiro acabou  rebentado, con quilo e medio de ameixas e unhas cantas bochas... Aquí teñen  o programa enteiro, emitido o pasado 20 de xullo.   As cámaras da canle autonómica tamén estiveron gravando nas festas, esta vez, para o programa Na punta do pé.

9 de xul. de 2010

Novo xefe para o marisqueo a flote

Mariñeiros á volta do raño

Logo dun baleiro de poder que se prolongou durante dous meses, a confraría da Arousa xa ten novo patrón maior. A xunta xeral elixida nas eleccións celebradas a mediados de xuño vén de designar a Ángel Iglesias García, “o Pichón”, xefe do marisqueo a flote. O seu mandato durará apenas un ano, ata que a Consellería do Mar convoque eleccións xerais nas confrarías galegas, previstas para o 2011. Co nomeamento de Ángel Iglesias, péchase a situación anómala que viviu a confraría tras a dimisión, o pasado mes de abril, de boa parte do equipo de Benigno Chaves, anterior patrón maior. Segundo a nova lexislación, é a Xunta a que se encarga de convocar eleccións en todas as confrarías galegas a un tempo. Tras esgotar o seu mandato de catro anos, e ante a imposibilidade de organizar uns comicios, Chaves decidiu renunciar ao seu cargo e forzar deste xeito as votacións para a renovación da directiva.
A nova dirección da Confraría,  composta polo patrón maior, un vicepatrón, un terceiro patrón e mais cinco cabildos, destaca pola súa xuventude. O órgano que elixe a directiva é a xunta xeral, formada por 24 membros, entre mariñeiros e armadores.

15 de xuño de 2010

O motor do Comaira

O motor, tal e como estaba no barco cando foi cedido para a súa restauración no 2008
O  Barreiros Diesel do Comaira foi inscrito na Pobra en 1974
O resultado final, logo de tres semanas traballando nel

O  galeón Comaira navegaba, na súa etapa de barco bateeiro, propulsado por un mítico motor Barreiros Diesel A90, que orixinalmente debeu pertencer a un camión, e  logo foi adaptado para o mar, segundo o convencemento da persoa que o acondicionou. Nas imaxes poden ver o "antes" e o "despois" da máquina  tras un proceso que requeriu un rascado profundo e aplicación de imprimación e  de pintura. Tamén houbo que arranxar o enfriador, que estaba atascado.
O grupo de mozos arousáns que está a restaurar o  antigo Comaira prepara para este verán varias actividades para obter financiamento e continuar coa posta a punto do barco. Quedan pendentes a montaxe do motor e a instalación eléctrica, para a que se precisan arredor de 3.000 euros, así como a construción da ponte e a dotación da vela, necesarios para devolver a embarcación ao seu estado orixinal. A vela para un barco destas características, cunha eslora de 12 metros, pode acadar un prezo de 6.000 euros.

10 de xuño de 2010

O patente

 Un mariñeiro dándolle  patente á dorna no Portiño

[Información corrixida] Na fala mariñeira, chámaselle "patente" ao recubrimento que se aplica na obra viva das embarcacións, é dicir, na parte que se mergulla no mar, para evitar que se adhiran ao casco parásitos e estercos. Dar patente é un traballo que forma parte do mantemento habitual dun barco, sexa de madeira, poliéster ou ferro, e convén facelo unha vez ao ano.

9 de xuño de 2010

Xuntanza da familia Goday na Arousa


Os descendentes de Juan Goday Gual, o industrial procedente de Canet de Mar (Barcelona) que montou no século XIX un próspero negocio conserveiro en distintos puntos das rías galegas, reuniranse o 7 de agosto na Illa de Arousa. A xuntanza, que xa se celebrou por primeira vez en Muros no 2008, quere poñer en contacto a familiares espallados por distintos lugares, entre outros, Cataluña, Madrid e varias vilas galegas. O programa inclúe actos relixiosos, unha visita guiada ao Museo da Conserva -unha das primeiras fábricas fundadas por Juan Goday- e unha conferencia sobre a industria conserveira, a cargo de Xoan Dopico. Desde o Grove, os descendentes da familia van facilitando todos os detalles do encontro neste blog.

10 de mar. de 2010

Bateas de peixes, o futuro inmediato?

Batea de peixes do Instituto Galego de Acuicultura (Igafa)

O plan de ordenación dos cultivos mariños, plasmado polo momento nun proxecto de liñas xerais, aposta polo impulso de especies diferentes do mexillón e da ostra, algunhas delas con viabilidade probada. Segundo apunta o documento, en Galicia existen 3.362 bateas dedicadas ao cultivo de mexillón, 101 á ostra, 75 centradas en policultivos e outras 193 instalacións experimentais de moluscos, crustáceos e peixes (polbo, navalla, ollomol, algas, ameixas...). Entre as plataformas experimentais, por certo, figuran tamén as bateas de reparqueo de mexillón, pensadas para aquelas zonas con risco alto de mareas vermellas, que precisan un lugar ao que trasladar o produto cando pechan os polígonos. Actualmente funcionan con éxito nas rías de Arousa e de Vigo.
Tendo en conta a aposta do goberno Feijóo pola piscicultura –e cuxo máximo expoñente é a recuperación do polémico proxecto de Pescanova en Touriñán- é de esperar que a política para a zona marítima apunte na mesma dirección, o fomento das granxas flotantes de peixes. O "potencial" da piscicultura xa foi avanzado polo ex conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, no relatorio dedicado á pesca do libro Galicia 2010, publicado hai unha década.
En que lle podería afectar todo isto ao sector mexilloeiro? En primeiro lugar, habería que coñecer se as novas instalacións substituirán ás xa existentes, promovendo un cambio de cultivo no sector mexilloeiro, ou se se sumarán aos actuais viveiros, co conseguinte risco de sobreexplotación das rías. Por outra banda, no cultivo de peixes é habitual o uso de antibióticos e pensos, unha práctica que podería prexudicar a outras especies como o mexillón ou a ostra, que se crían de xeito ecolóxico. En todo caso, o horizonte do sector mexilloeiro semella que presenta nubarróns negros, unha vez máis.